O vindeiro venres 11 a partires das 20.30, ContemporáneA trae a María Mendoza, pianista, compositora e docente que nace en Oviedo en 1975. Titulada Superior en Piano, Música de Cámara, Solfexo, Repentización e Transporte polo Conservatorio Superior de Música de Bilbao e Licenciada en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. No ano 2002 desprázase a Galicia onde comeza os estudos de Composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde foi profesora desta especialidade durante seis anos. Neste momento ocupa a súa praza no Conservatorio de Música de Ourense.

Como pianista clásica deu numerosos concertos polo País Vasco e Galicia, como solista, como pianista acompañante e en agrupacións de cámara. Teclista e colaboradora en grupos como Kresala, Marylynn, Avelaíña, Doble Morgan, Mr. Magoo, MCarballo, Madame Putufuá et Monsieur Quelquechose, The Tetas’ Van e Gil & Mendoza.

Compositora da música da serie Caracol e Caracola e das curtas de animación O día en a mamá se lle puso cara de teteira, E que podo facer eu?, O sultán e os ratos, Rato Tom e Rata Tomasa e Palo, pau e palla da serie Contos do Camiño de OQO filmes, entre elas as gañadoras do Premio Especial do Xurado no Festival Brasil Stop Motion 2011, emitidos en televisións de Galicia, Finlandia, Arxentina, Turquía e Portugal, entre outras.

Varias das súas obras contemporáneas foron publicadas por Periferia Sheet Music, Música Neo e pola Consellería de Cultura de Galicia. Dende o ano 2010 é membro da Asociación Galega de Compositores.

12748094_194942557538300_9186678963173996102_o

“Intro” é unha viaxe no tempo, un vagar entre épocas. Unha invitación a pechar os ollos e deixarse invadir polas antigas sonoridades mesturadas coas novas. Un intento de pechar o círculo, de dar voz ás músicas dos que xa no están para tentar permanecer no tempo.

Non o dubides e achégate ao Náutico de Castrelo a desfrutar de María Mendoza!

Location: Parque Náutico de Castrelo